NOTICIAS

Antonio Varela, monitor de Silfocamps Campeon de longboard en Razo

30-07-2009
Entrevista en la Voz de galicia
«O surf é mais que mulleres, bikinis, corpos bronceados e verán, xa que no inverno tamén collemos a táboa e as únicas que miran para nós son as gaivotas». Con estas palabras, Antonio Varela trataba de desmitificar a idea que se ten deste deporte.

Durante a pasada fin de semana este surfista carballés logrou alzarse coa victoria na primeira proba do circuíto galego de surf, na especialidade de longboard, quedando por diante de figuras tan destacadas como Pipo Domínguez ou o coruñés Tanaka.

Ademais de Varela, os outros gañadores foron Dani García e Blanca Escrigas en surf open masculino e feminino, respectivamente.

Varela destacou a idea de que, para disfrutar, «o único que hai que facer é deixarse levar e simplemente deslizarse, sen tratar de facer grandes manobras». Quedou prendado deste deporte cando tiña 14 anos, cando, cos seus amigos de sempre, comezou a viaxar e a surfear, o que lle permitiu coñecer lugares de gran beleza.

-¿Qué é o surf para vostede?

-Todo o mellor e tamén todo o peor. Grazas ao surf fixen moitos amigos, viaxei moito e tiven baños épicos. Eu organizo a miña vida en torno ao mar, xa que teño que estar preto del para sentirme ben. -¿Pensa que se pode vivir deste deporte? -Eu do meu surf nunca faría un negocio, xa que a min sérveme para evadirme do mundo. -¿Por que escolleu o longboard? -Cando empecei neste mundo practicaba o bodyboard, pero decidín cambiarme ao longboard para buscar sensacións novas. Ademais, penso que é moi divertido e non require tanta técnica, aínda que é moi estético. Nesta modalidade intento buscar o pasado do surf e, ademais, é unha forma máis romántica. -¿Cómo é a relación entre os surfistas? -Dentro da auga temos unhas normas, é como un código non escrito que hai que respectar. Se queres entrar nalgunhas praias teste que amoldar á xente que está alí collendo ondas, xa que ás veces hai localismos e pelexas polas mellores. -¿Que é o mellor de practicar este deporte? -Como viaxo moito, sempre estou coñecendo xente en cada praia que visito. Viaxar é a chispa do surf. Estiven en Portugal, Asturias, Canarias e tamén en Brasil. Alá a donde vou coñezo xente. A idea romántica de viaxar en furgoneta aínda continua. -¿Cal é a situación en Galicia? -Cada vez está a crecer máis. En Razo e en Carballo, tamén, aínda que aquí hai máis xente de fóra que o practica que da propia casa. -¿Por que non hai mais mulleres? -A verdade é que non sei, pero pouco a pouco irá crecendo o numero de inscritas nos torneos. Penso que, se surfearan máis, tal vez poñerían máis orde e sería mellor. -¿Cales son as súas expectativas ?

-Seguir gozando e viaxando. Ademais, agora estou nunha fase de experimentación, xa que estou traballando na fabricación de táboas con material que traio do País Vasco.